Especies e topes de captura

  • A licenza para a práctica da pesca marítima de recreo só habilita para a captura de cefalópodos e peixes, agás a anguía, debendo, en todo caso, respectar as épocas de extracción e tamaños que regulamentariamente se establezan.

  • Segundo o disposto no apartado h do artigo 35 da Lei 2/2021, de 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, está prohibido pescar durante a migración do salmón e reo nas entradas dos ríos ou nas zoas de paso destes.

  • En calquera modalidade de pesca marítima de recreo poderase capturar un máximo de cinco quilogramos por licenza e día, podendo non computarse o peso dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Só se permitirá a tenza dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Para o caso do polbo, o límite será dúas pezas por pescador e día.

  • Se a pesca de lecer se realiza desde unha embarcación da 7ª lista do Rexistro de matrícula de buques, o máximo de capturas por licenza e día será de cinco quilogramos, cun tope máximo por embarcación e día de dezaseis quilogramos, se son máis de tres as persoas embarcadas titulares de licenza.

  • Para as embarcacións da 6ª lista do Rexistro de matrícula de buques, o máximo de capturas por persoa e día será de cinco quilogramos, podendo non computarse o peso dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Só se permitirá a tenza dunha peza que excede o peso do tope establecido.

  • Sen prexuízo do anterior, mediante resolución da consellería con competencias en materia de pesca, poderán establecerse medidas de protección específicas para determinadas especies e/ou zonas, cando o estado da explotación do recurso así o aconselle.

  • As embarcacións non poderán pescar, almacenar, transportar, transbordar nin efectuar descargas superiores aos topes máximos de capturas sinalados nos puntos anteriores, aínda que estas correspondan a varios días continuos de navegación.

  • Para utilizar como cebo, os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poderán capturar diariamente ata un total de:

    • 50 poliquetos, segundo as condicións establecidas no artigo 9 da Orde do 6 de febreiro de 1998 pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia.

    • 40 cangrexos en total das seguintes especies: cangrexos zapateiros (Pachygrapsus marmoratus) e cangrexo común (Carcinus maenas).

    • 200 g de pulgas de mar.

    • 100 g de camaróns, quisquillas (quedando prohibida a captura do camarón común (Palaemon serratus)).

 

Listado de especies