Preguntas e respostas
Que modalidades de pesca recreativa se poden realizar nas augas interiores de Galicia?
-
Establécense as seguintes modalidades de pesca recreativa:
-
Pesca desde embarcación da sétima lista do Rexistro de matrícula de buques.
-
Pesca desde terra en superficie.
-
Pesca submarina, que se realizará nadando ou mergullando a pulmón libre.
-
Pesca desde embarcación da sexta lista do Rexistro de matrícula de buques, incluídas as distintas modalidades de pesca de alugueiro.
-
Que requisitos se necesitan para exercitar a pesca recreativa?
-
É obrigatorio estar en posesión da correspondente licenza de pesca recreativa en vigor.
Os concursos, campionatos e competicións de pesca marítima de recreo necesitarán autorización, que regulará en cada caso as súas condicións.
Que tipo de licenzas se necesita para pescar?
-
As licenzas que habilitan para a práctica da pesca marítima de recreo serán de dúas clases:
-
Licenza de pesca marítima de recreo en superficie, que faculta para exercer a pesca recreativa desde terra ou desde unha embarcación da lista 7ª do rexistro de matrícula.
-
Licenza de pesca de recreo submarina, que faculta para exercer a pesca recreativa nadando ou mergullando en apnea.
-
Canto dura a miña licenza?
-
A licenza de pesca marítima de recreo terá un período de vixencia dun ano e poderá renovarse cunha antelación mínima de dous meses antes do fin da súa vixencia.
Non obstante o disposto no punto anterior, e co obxecto de fomentar o turismo relacionado coas actividades de pesca recreativa, poderanse outorgar licenzas temporais para o exercicio da pesca marítima de recreo, en calquera das súas modalidades, por un período dun mes, revalidables por un mes máis dentro do mesmo ano natural.
Que trámite se necesita para obter a licenza de pesca recreativa?
-
Para obter a licenza de pesca recreativa debe acceder á seguinte url https://sipmar.xunta.gal/sipmar/publico/formulario/PE405A e acceder mediante o súa Chave 365 ou certificado dixital.
A continuación visualizará unha listaxe cos diferentes tipos de licenza que existen e a opción dispoñible para cada unha en función de si xa dispón ou non dunha licenza previa.
Prema sobre a opción escollida, complete os pasos solicitados no formulario e premendo na opción "Continuar" poderá finalizar a presentación telemática da súa solicitude.
É válida a licenza de pesca recreativa expedida por outra comunidade autónoma e outros estados membros para pescar en augas interiores de Galicia?
-
Os permisos ou licenzas que habilitan para a pesca marítima de recreo expedidos pola Administración do Estado, outros estados membros da Unión Europea ou outras comunidades autónomas terán plena vixencia en augas de Galicia, sen prexuízo de que as persoas titulares dos mesmos teñan a obrigación de cumprir as disposicións autonómicas que regulan a pesca de recreo.
Cal é a idade mínima e máxima para practicar a pesca recreativa?
-
Tanto para ser titular dunha licenza de pesca marítima de recreo en superficie como dunha licenza de pesca marítima de recreo submarina é necesario ter unha idade mínima de 16 anos. Facer notar que no caso da pesca marítima de recreo en superficie, os menores de idade quedarán exentos da mesma debendo simplemente acreditar tal circunstancia no momento no que se lle requira. Sen embargo, no caso da pesca marítima de recreo submarina, os menores de idade non emancipados, ademais de cumprir o resto de requisitos desta modalidade de licencias, precisarán consentimento materno, paterno ou titorial.
Non hai establecida unha idade máxima para a práctica desta actividade.
Que artes de pesca están permitidas na práctica da pesca recreativa?
-
No exercicio da pesca marítima de recreo en superficie, tanto desde terra como desde embarcación, poderase practicar mediante o emprego de sedela ou aparellos de anzois, excluída ráscaa ou rañeira, sostidos pola man ou a cana. En concreto:
-
Unicamente poderanse utilizar por licenza:
-
Dúas canas ou sedelas cun máximo de seis anzois.
-
Dúas poteras.
-
Dúas garabetas.
-
Un gancho.
-
-
Para os efectos desta disposición os cebos artificiais considéranse como anzois.
-
Autorízase, como arte auxiliar, o emprego dun truel.
Calquera outro tipo de artes ou aparellos de pesca, diferentes aos anteriormente descritos serán considerados antirregulamentarios, calquera que sexan as súas medidas ou cantidades e o seu emprego en actividades de pesca ou tenencia a bordo de embarcacións de recreo queda prohibido.
Na práctica da pesca submarina unicamente poderán empregarse arpóns, frechas ou fisgas impulsadas pola man ou medios mecánicos, quedando expresamente prohibido o emprego de equipos autónomos ou semiautónomos de mergullo, así como a utilización de artefactos hidrodeslizadores ou similares. Nas embarcacións non poderán levar a bordo de forma simultánea arpóns de pesca e calquera dos equipos de mergullo anteriormente mencionados.
-
Que especies se poden capturar?
-
A licenza para a práctica da pesca marítima de recreo só habilita para a captura de cefalópodos e peixes, excepto a anguía, debendo, en todo caso, respectar as épocas de extracción e tamaños que regulamentariamente se establezan.
As especies capturadas no exercicio da actividade pesqueira de recreo non poderán, en ningún caso, ser obxecto de venda ou comercialización directa ou indirecta.
Que cantidade máxima de capturas están autorizadas na pesca recreativa?
-
En calquera modalidade de pesca marítima de recreo poderase capturar un máximo de cinco quilos por licenza e día, podendo non computarse o peso dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Só se permitirá a tenencia dunha peza que exceda o peso do tope establecido.
No caso do polbo, o límite será de dúas pezas por pescador e día.
Se a pesca recreativa se realiza desde unha embarcación da 7ª lista, o máximo de capturas por licenza e día é de cinco quilos, cun tope máximo de dezaseis quilos por embarcación e día se son máis de tres as persoas embarcadas titulares de licenza.
Para as embarcacións da 6ª lista do Rexistro de matrícula de buques, o máximo de capturas por persoa e día será de cinco quilogramos, podendo non computarse o peso dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Só se permitirá a tenencia dunha peza que excede o peso do tope establecido.
Na pesca de grandes peláxicos-túnidos e peixe espada ou especies afíns- o tope máximo de capturas establécese en vinte e cinco quilos por licenza e día, cun tope máximo de cincuenta quilos por embarcación e día se son dous ou máis as persoas embarcadas titulares de licenza.
As embarcacións non poderán pescar, almacenar, transportar, transbordar nin efectuar descargas superiores aos topes máximos de capturas sinalados nos puntos anteriores, aínda que estas correspondan a varios días continuos de navegación.
Pódense facer capturas para utilizar como cebo na pesca recreativa?
-
Para utilizar como cebo, os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poderán capturar diariamente ata un total de:
-
50 poliquetos.
-
40 cangrexos en total das seguintes especies: cangrexos zapateiros ( Pachygrapsus marmoratus) e Cangrexo común ( Carcinus maenas).
-
200 g de pulgas de mar.
-
100 g de camaróns, quisquillas, quedando prohibida a captura do camarón común ( Palaemon serratus).
-
En qué horarios se pode exercer a pesca recreativa?
-
A pesca marítima de recreo en superficie poderá realizarse durante todos os días do ano.
A práctica da pesca marítima de recreo submarina estará permitida unicamente os sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico. No período comprendido entre o xoves e o domingo de Semana Santa, e entre o 1 de maio e o 30 de setembro poderá ser practicada todos os días.
A pesca marítima de recreo de superficie desde embarcación e a pesca marítima de recreo submarina, realizarase dentro do horario diúrno, comprendido entre o orto e ocaso.
Pódese practicar a pesca marítima desde un Kaiak?
-
Na normativa aplicable sobre pesca recreativa o kaiak ten a consideración de artefacto flotante. Por tanto, ao non ser un tipo de embarcación incluída na 6ª ou na 7ª lista do rexistro de matrícula non se permite a pesca recreativa desde este artefacto.
Que prohibicións existen na práctica da pesca recreativa?
-
No exercicio da pesca marítima de recreo queda expresamente prohibido, entre outras:
-
A utilización de artes, aparellos e útiles distintos dos expresamente permitidos.
-
A utilización de substancias tóxicas, narcóticas, velenosas, detonantes, explosivas, corrosivas ou que contaminen o medio mariño.
-
O emprego de luces e equipos eléctricos que sirvan de atracción para a pesca.
-
A captura, tenencia e desembarque de especies prohibidas, vedadas ou de tamaño ou peso inferior ao establecido regulamentariamente, debendo ser devoltas inmediatamente ao mar en caso de captura accidental.
-
A pesca marítima de recreo en superficie non se poderá practicar a menos de cen metros das praias cando estean frecuentadas por bañistas.
-
O exercicio da pesca recreativa submarina nas reservas mariñas así como nas canles navegables e de acceso aos portos, no interior dos mesmos e a menos de douscentos cincuenta metros das praias cando estean frecuentadas por bañistas.
-
O exercicio da pesca recreativa submarina a menos de douscentos cincuenta metros das artes de pesca, fixas ou de deriva, e das embarcacións dedicadas a calquera clase de pesca profesional.
-
O exercicio da pesca recreativa submarina desde o ocaso ata o amencer.
-
As embarcacións desde as que se practique a pesca marítima de recreo manterán unha distancia mínima de cen metros dos barcos pesqueiros que estivesen a faenar, así como das artes e aparellos profesionais debidamente balizados.
-
En ningún caso poderase impedir ou dificultar as faenas de pesca profesional.
-